O proceso de civilización foi un proceso de establecimento e perfeccionamento de relaciós de dominación, esta dominación ven acompañada e apóiase nunha artificialización cada vez maior da vida, da vida das persoas e da vida do resto dos seres vivos, a artificialización dos ambientes físicos e, agora, comézase a vislumbrar a artificialización total do planeta en sí.
Ata agora tiñámonos enfrentado á domesticación xeral de mentes, de animais, de vexetais, de ecosistemas... procesos que non son ningunha novidade e que foron topando con resistencias notables pero de éxito nulo ou limitado. A pesar da enorme presión civilizadora quedan aínda lugares marxinais onde animais, vexetais e ecosistemas poden ser libres e salvaxes (¿por canto tempo?). Pero agora non nos enfrentamos á vella domesticación, senón a unha manipulación íntima da materia da que estamos feitos, manipulación a escala industrial e o servicio da dominación civilizadora do actual mundo corporativizado.
OS INICIOS: A INXEÑERÍA XENÉTICA E A BIOTECNOLOXÍA
Os primeiros pasos déronse ca inxeñería xenética e a xenómica, as ferramentas empleadas eran, sen embargo, demasiado bastas. Xa hai no mercado (trátase de mercancias patentables) organismos transxénicos de todo tipo, dende microorganismos ata mamíferos...
Incluso hai patentes de xenes humanos, a apropiación capitalista chega cada vez máis lonxe, este 6 de maio Monsanto conseguíu facer valer a súa patente de "especie" (PE 301 749 de 1994) pra toda a soja transxénica, a partir de agora unha especie está en maus dunha corporación, Monsanto controla, deste modo, un 50% da soja mundial.
Os resultados obtidos no campo da agricultura, a pesar que desiguais, tiveron un forte impacto. Por unha parte as sementes transxénicas copan cada vez máis o mercado facendo ós campesiños cada vez máis dependentes das multinacinais dos agroquímicos e das sementes. En resumen, máis probeza, máis dependencia, máis química…. E máis fame, a promesa dun mundo sen desigualdades gracias á agricultura transxénica esvaécese entre os beneficios das multinacionais.
Por outra parte as contaminaciós xenéticas (iso que, según os tecnocientíficos, non podía suceder) son xa un feito xeneralizado. O caso máis coñecido é o do millo Starlink que contaminou, cunha proteína sospeitosa de ser alergoxénica, a cadea alimentaria humán (productos Kraft nos EUA), retiráronse do mercado máis de 300 productos e a contaminación xenética polo millo Starlink apareceu por todas partes, contaminando millos de variedades alonxadas.
Non foi un caso aislado de contaminación. Posteriormente topáronse contaminaciós de proteínas transxénicas en millos salvaxes dos estados de Oaxaca e Puebla (México), houbo contaminaciós noutras moitas partes do mundo, de colza en Europa, de algodón na India, os alimentos da axuda alimentaria a América do Sur e África presentaron tamén numerosas contaminaciós por transxénicos, nunha política comercial de feitos consumados das multinacionais das sementes e dos agroquímicos.
Menos polémico e vixilado foi o desenrolo de transxénicos de uso industrial (farmacéutico, materias primas…) e os experimentos de transxenia en animais (xeralmente con finalidades industriais).
A pesar de que a oposición ós transxénicos foi amplia, os resultados foron probes a nivel xeral, e os éxitos hai que atribuílos máis á acción directa de certos grupos, que ás grandes campañas de opinión. Algunhas das causas de este fracaso relativo son, na nosa opinión:
  1.-Considerar que se trata dun tema de defensa dos consumidores e non unha loita na defensa da liberdade e da intimidade de persoas, animais e da terra en conxunto.
  2.-Centrar o debate nas moratorias de comercialización pró consumo humán e de cultivo. O avance do sector farmacéutico, o informe favorable da OMS e a denuncia na OIC (WTO) levaran ó levantamento da moratoria europea (a única na práctica) nun término breve de tempo.
  3.-Buscar a quimérica (tan quimérica como a transxenia) “cara humán” do capitalismo e entrar a discutir o que é patentable e o que non e non a patente mesma, discutir a quen van os beneficios e non os beneficios mesmos….
Capítulo aparte merece a apropiación corporativa do xenoma e do proteoma humán. A súa eficacia como rentable máquina “sanitaria” e como instrumento de control e clasificación social son ben coñecidas (senón que llo pregunten a policías, sistema sanitario, departamentos de persoal, compañías de seguros…. De todo o mundo), nun futuro (que por certo é xa un agora) ós privilexios socioeconómicos añadiranse os privilexios xenéticos, e nunha lonxanía cada vez menos lonxana a posibilidade dunha humanidade de primeira, unha humanidade de segunda….
A historia móstranos que é o que pasa cando o estado ten nas súas maus instrumentos de clasificación (bon, regular e malo), pero a pesar desta ameaza que coñecemos ben, moi poucos se atreven a criticar e menos aínda combatir a investigación biomédica, o poder biomédico é, actualmente, unha vaca sagrada intocable. Prácticas como as novas tecnoloxías reproductivas, a clonación (terapéutica?), as células nai… non levantaron nen unha décima parte do pó que era de esperar en prácticas tan invasivas, perigosas e ameazantes.
A SEGUNDA PARTE: A NANOTECNOLOXíA
A nanotecnoloxía é a técnica que traballa a escala de nanómetro (unha milmillonésima parte de metro). A esta escala, de feito, trabállase a nivel de átomos e moléculas e se poden configurar estructuras que non existen na natureza, a esta escala as substancias presentan propiedades diferentes (dureza, elasticidade, conductividade da calor e a electricidade) das “normais” e deste modo se están patentando. Por exemplo hai patentes de formas de carbono puro nanoescalar (fulerenos e nanotubos).
A nanotecnoloxía, que fai uns anos era unha idea casi de ciencia ficción, é xa unha realidade, realidade rentable e emerxente, cada ano destínanse máis millós á investigación neste campo (os países occidentais, máis os orientais desenvolvidos gastaron no 2002 máis de 2100 millós de euros en investigación nanotecnolóxica), máis diñeiro na producción de nanomateriais e nanoartefactos, en contraste con todo este gasto non se invirte absolutamente nada en estudiar a seguridade e riscos ligados a estas tecnoloxías.
A nanotecnoloxía ten moito futuro económico/industrial en campos moi diversos, dende o tratamento de superficies ata a producción de catalizadores, dende a industria aeroespacial ata a medicina a farmacia…. E naturalmente o uso militar e policial (dos 710 millós que os EUA destinan a investigación neste campo, máis do 35% ten un destino directo ó campo militar).
Actualmente os sectores máis desenvolvidos (os que comezan a dar bós réditos) son os dos nanomateriais, especialmente nanopartículas, nanomembranas e catalizadores e un pouco por detrás a nanoelectrónica (nanochips, memorias…). Xa están á venta pinturas con componentes nanotecnolóxicos (pinturas intelixentes, autolimpiables, antigraffiti), materiais reforzados con nanotubos de carbono e incluso protectores solares e cremas cosméticas con nanopartículas e nanocápsulas (L’Oréal).
No campo do control xa se traballa en nanosensores de aplicación “médica”, que podrían transmitir directamente dende o corpo humán toda unha serie de parámetros (presión sanguínea, temperatura, niveis hormonais….) e de nanodispensadores e nanocápsulas encamiñadas sobre “obxetivos” concretos.
A construcción de artefactos a escala micrométrica (MEMS) e incluso manométrica (NEMS), está aínda moi retrasada, pero acelérase cada vez más, con novas aportaciós e metas logradas en laboratorios de todo o mundo, a perspectiva de micro ou nanorobots ensambladores autoreplicantes, o millor tarda ou non chega nunca, pero é indiscutible que nos estamos a aproximar a ela, numerosos e serios laboratorios están adicando grandes esforzos neste sentido, o autoensamblaxe (primeiro paso pra chegar á autorreplicación) é un obxetivo, a longo prazo, da maioría de centros da Rede Nanospain. A “plaga gris”, a ameaza dun exército de NEMS fora de control, destruíndo o planeta, non por lonxana ou improbable (según os tecnocientíficos) deixa de ser unha tecnoameaza a considerar.
Os “productos nanotecnolóxicos” teñen riscos evidentes, uns máis inmediatos, a súa toxicidade intrínseca, e outros a un prazo máis longo (“a plaga gris”). As células dos seres vivos non os detectan como materia extraña e non desenrolan anticorpos contra eles, algús materiais poden penetrar fácilmente nelas, incluso nas nerviosas, e acumularse en determinados puntos, os efectos desastrosos que poden ter directamente (recordemos os do amianto) ou se se asocian con algún patóxeno ou tóxico son polo tanto evidentes.
Hai tamén un risco peor, o risco do seu uso pró control e a clasificación, sexa directamente sobre os humáns mediante nanosensores e nanochips, sexa exercendo o control sobre a natureza en conxunto, dando á inxeñería xenética ferramentas de precisión.
A NANOBIOTECNOLOXÍA ¿O EPÍLOGO DA VIDA LIBRE NO PLANETA?
Hai moitos especialistas tecnócratas que non creen que existan algunha vez os nanorobots autoreplicantes, pero prácticamente todos creen que do uso da nanotecnoloxía e a biotecnoloxía surxirán “organismos artificializados” con usos específicos (de interés económico ou de control social), organismos nanobiotecnolóxicos.
Xa hai experiencias de “interruptores” pra xenes, proteínas “intelixentes” de diferentes tipos, estase traballando en DNA artificial, pra facer xenes “á carta” incluso investígase pra añadir unha nova base ó código xenético (no lugar de tres letras catro) pra aumentar a información, diseñar novos aminoácidos e novas proteínas… A artificialización de microorganismos e células aisladas xa é unha realidade.
O autoensamblaxe e autorreplicación (características da vida) poden reportar beneficios importantes ás corporaciós e ós estados. Se cadra os nanorobots non cheguen nunca, pero será porque organismos vivos artificializados ocuparan o lugar.
Os riscos que implican as técnicas nanobiotecnolóxicas sobre a nosa liberdade e seguridade son enormes e multiplican por mil as coñecidas ata agora. A aceleración do desenrolo técnico e económico que implican fan que sexa imposible predecir o futuro.
As técnicas de manipulación atómica, como a nanobiotecnoloxía prométennos de novo (como xa fixo o maquinismo a finais do século XIX e a biotecnoloxía a finais do século XX) a felicidade e a plenitude, a experiencia fainos dudar destas promesas. Actualmente hai máis persoas por debaixo do nivel de nutrición vital que antes da revolución industrial, nunca acumuláramos unha cantidade tan grande de bens e coñecimento, pero tampouco nunca estíveramos tan cerca da extinción colectiva, nunca a destrucción da natureza e a extinción de especies chegara ós niveis actuais e a xente nunca viviu e morreu en condiciós tan malas.
Ca nanobiotecnoloxía tódalas pesadillas da transxenia e a nanotecnoloxía se farán realidade, a natureza en conxunto (os humáns, os outros animais, os vexetais, os ecosistemas) ó servicio do sistema das corporaciós e os estados, a fantasía autoritaria da domesticación total feita realidade.
¿UNHA ESTRATEXIA PRA RECHAZAR A ARTIFICIALIZACIÓN?
Certamente é imposible vivir ó marxen da artificialización, xa que non é unha cuestión a elexir senón imposta. Por exemplo pódese vixilar a alimentación, pero cun 50% da soja cultivada transxénica (sen contar os non contabilizados estadísticamente como moitos dos españois nen as contaminaciós), a transxenia impónse …. E o mesmo ha de ocurrir cas outras tecnoloxías, cando as nanopartículas formen parte do recubrimento de tódolos materiais de uso cotidián, das pinturas, dos cristais …. Cando se incorporen á identidade persoal, ó historial médico, ós instrumentos policiais non habrá onde fuxir, a imposición será unha realidade.
Por outro lado as prácticas de “defensa do consumidor” quedan moi limitadas, xa temos visto a eficacia da moratoria da UE sobre os transxénicos. O recurso a novas investigaciós pra garantizar a seguridade sólo leva a acumular informes contradictorios, e sempre os estados e as corporaciós iran por diante neste tema.
Non é suficiente rechazar a artificialización parcialmente, non é posible unha moratoria, o rechazo ten que ser global e comporta moitas outras cousas, é necesario destruír a lóxica do sistema de dominación. Toda oposición á artificialización ha de ser antiproductivista e antidesarrollista, toda oposición á artificialización ha de ser contraria á domesticación.
Cando participemos nunha protesta, nunha campaña, preparemos unha actividade, cando rechacemos un alimento transxénico ou un producto nanotecnolóxico, sempre temos que incluir o rechazo total á artificialización,: o rechazo ó capitalismo, o rechazo ó mercado, o rechazo ós estados
…. O RECHAZO Á CIVILIZACIÓN E Á DOMESTICACIÓN
POR UN MUNDO LIBRE E SALVAXE
Llavor d’anarquia
Barcelona, Xuño de 2003
llavorda@anarchie.net